Descripción
SUN IOU é un proxecto musical galego que mestura tradición popular, punk-rock e electrónica desde unha ollada contemporánea, combativa e feminina. Cunha formación de oito persoas en escena, o grupo constrúe un directo potente e ritual, onde conviven gaitas, voces corais, bases electrónicas e moita actitude. As súas letras
falan de identidade, resistencia, memoria e dignidade, reivindicando o galego e o colectivo como lugar de forza. A música de SUN IOU está feita para bailar, pensar e cantar xuntas.
SUN IOU nace en Vigo como un proxecto musical colectivo que aposta pola mestura sen complexos e pola palabra como ferramenta política e poética. O nome do grupo procede da fala de Goián (“son eu”), reivindicando a diversidade lingüística do galego como acto de resistencia e orgullo. O grupo está formado por oito integrantes, cunha presenza destacada de mulleres á fronte, e constrúe unha proposta escénica intensa e pouco convencional: gaitas con actitude, voces femininas, ritmos electrónicos, percusións poderosas e unha posta en escena coral que interpela ao público desde o corpo e a emoción.
As letras de SUN IOU son parte fundamental do seu universo creativo. Falan da memoria herdada, da dignidade das persoas e dos territorios, de loitas íntimas e colectivas, da identidade galega, do feminismo e da necesidade de romper cos silencios impostos. A tradición aparece como un espazo desde o
que crear futuro.
Desde a súa presentación en directo, en febreiro do ano 2024, SUN IOU pasou por numerosos escenarios e
festivais de Galiza, cunha excelente acollida do público e presenza en medios de comunicación, destacando
polo seu directo potente, honesto e cargado de mensaxe. O proxecto continúa medrando cunha clara aposta pola liberdade creativa, o coidado estético e a construcción dun imaxinario artístico que une música, palabra e compromiso.
SUN IOU non busca encaixar en etiquetas pechadas: é un berro colectivo, unha celebración e unha maneira de dicir “son eu” alto e claro.
ZËNZAR, os padriños do rock galego, veñen de facer trinta e sete anos ininterrompidos nos escenarios galegos con máis enerxía ca nunca. Ademais, cun novo traballo a piques de ver a luz: Bla bla, que lembra aos primeiros discos da banda tanto polas temáticas como pola urxencia do ritmo.
Gravados en Estudios Bonham en decembro de 2025, Bla Bla será presentado en dous coidados formatos que
renderán homenaxe á propia historia de Zënzar, ao seu son, á sua estetica e á súa filosofía á hora de facer música.
Na década dos 90 e 00 compartiron escenario con bandas do talle de Extremoduro, La Polla Récords, Platero y Tú ou Barón Rojo. A finais do ano 2024 foron partícipes da presentación do libro biográfico A culpa foi de Zënzar. 35 anos de rock en galego, proxecto ilustrado e narrado pola ilustradora Laura Romero (baixista da banda dende 2016).
Os de Cerceda son os autores de verdadeiros himnos da contracultura galega e defensores dun directo potente e guitarreiro da man dun son coidado e contundente a cargo de Roi Gil.
Con máis ganas e enerxía que nunca e co rock como necesidade vital, Zënzar segue co seu mellor directo máis
de 35 anos despois.
Que non cho conten!
Los Detalles Del Evento
Fecha: abril 24, 2026
Hora de inicio: 22:00 CEST
Lugar: A Pousada da Galiza Imaxinaria, Pablo Iglesias, 14, 15930 Boiro, A Coruña














